O impacto da industria da celulosa na saúde: unha reflexión científica

Fuente: PRAZA.GAL

Sonia Villapol (Bretoña, Lugo). Neurocientífica e Profesora do Instituto de Investigación Methodist do Centro Médico de Texas e da Universidade Weill Cornell (Nova Iorke) nos Estados Unidos. Formouse na USC en Compostela e na UAB en Barcelona. Traballou en centros de investigación do CNRS e INSERM en París (Francia), ou no NIH e na Universidade de Georgetown nos EUA. Investiga os danos cerebrais e enfermidades neurodexeneirativas. Equipo de Investigación Internacional da COVID-19 (COV-irt)

Tolerancia cero para as emisións no 2050?

A evidencia científica é abafadora e a industria da pasta e do papel, coa súa importante contribución ás emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro e ás “choivas ácidas”, está no punto de mira

O mandato do Acordo de París de limitar o quecemento global a 1,5 °C co obxectivo de conseguir cero emisións para o 2050, non só se perfila como un imperativo ambiental urxente senón fundamental. A evidencia científica é abafadora e a industria da pasta e do papel, coa súa importante contribución ás emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro e ás “choivas ácidas”, está no punto de mira. É imperativo que todos os países e os sectores industriais se aliñan con este obxectivo global. Un estudo publicado en Nature en novembro do 2023 destaca que, aínda que os retos son considerables, o sector do papel debería de ter rutas claras para acadar cero emisións netas para 2050, sen escusa e sen trampa. Porén, isto require algo máis que simples axustes: require unha profunda transformación das prácticas industriais, desde xestión forestal aos procesos de fabricación e reciclaxe. Ademais, a transición cara a fontes de enerxía renovables e a optimización dos procesos produtivos son fundamentais para reducir as emisións directas e indirectas.
 ALTRI tería que cumprir co regulado

Parece que ALTRI coa camuflaxe de Greenfiber, serve como recordatorio crítico de que a sustentabilidade non pode ser só unha etiqueta verde conveniente, senón un compromiso integral e transparente con rigor científico sobre o futuro do noso país.

A empresa portuguesa ALTRI, a través da súa filial Greenfiber, proxecta a instalación dunha factoría de tratamento da celulosa en Palas de Rei, que repercutiría directamente nos concellos da contorna. ALTRI precisa para elo obter unha subvención de 250 millóns de euros (o 30% do seu custo) do programa Next Generation europeo, coa condición indispensable que non vai causar un perxuicio significativo ó medio. Por lei, a responsabilidade de ALTRI é enorme: non só deben evitar danos significativos ao medio ambiente, senón que tamén debe contribuír activamente á mitigación do cambio climático, á adaptación, á economía circular e á protección da biodiversidade. A non conformidade non só debería levar á perda de apoio económico de Bruxelas, senón tamén a reconsiderar a propia viabilidade deste proxecto e non darlle o permiso. Pero quen fixo a lei fixo a trampa, e vaian vostedes a saber como se moverán os fíos. Parece que ALTRI coa camuflaxe de Greenfiber, serve como recordatorio crítico de que a sustentabilidade non pode ser só unha etiqueta verde conveniente, senón un compromiso integral e transparente con rigor científico sobre o futuro do noso país. Pero realmente pode o desenrolo industrial e a conservación do medio ambiente avanzar da man? Tal e como ALTRI presenta o proxecto, recibiría un suspenso de non cumprir o acordo de cero emisións netas para o 2050.

Enfróntannos á complexidade de equilibrar o desenvolvemento económico, co impacto na saúde, e na sustentabilidade ambiental. Todo isto está a suscitar cuestións críticas sobre a coherencia das políticas medioambientais e económicas. O contraste entre o apoio a candidatura da Ribeira Sacra coma Patrimonio da Humanidade e a instalación dunha pasteira contaminante na mesma contorna, é unha mostra palpable das contradicións do enfoque do medio ambiente que bailan coma o vento que ondea as súas bandeiras políticas e os intereses económicos dalgúns poucos. Esta incoherencia pon de manifesto a necesidade dunha análise profunda e sincera das intencións e actuacións en materia de política ambiental e o impacto que terán na saúde da xente.

Sustentabilidade e retos complexos

No informe ambiental de ALTRI recóllese que utilizarán coma materia prima a celulosa soluble a base do eucalipto. No procesado da madeira utilizarase ozono, hidróxido de sodio, peróxido de hidróxeno, ácido sulfúrido, cal viva, sulfato de sodio e de magnesio, carbonato de sodio e de calcio, óxido de calcio ou liberaranse partículas de aerosois PM10 ou PM2,5 entre outros compostos tóxicos non definidos

O debate sobre a sustentabilidade na industria da pasta e do papel está nun punto crítico en todo o mundo. Aínda que só o 12% das empresas do sector apostaron por prácticas de deforestación cero, a solución non pasa por simplemente reducir o consumo de madeira. Pola contra, adoptar unha colleita sostible de materias primas pode ofrecer importantes beneficios climáticos, sempre que se preserve a integridade dos bosques naturais. De feito, un aumento da demanda de madeira de bosques xestionados de forma sostible podería ser beneficioso para o clima. A clave está en promover o crecemento forestal en zonas xa degradadas ou deforestadas para mellorar a produtividade. No que se refire á industria da pasta e do papel, que non precisa da madeira de máxima calidade, hai un espazo suficiente para a innovación. Poderíase incrementar o uso de residuos de madeira, incorporar fibras non madeirables e reforzar a reciclaxe de papel. Aínda que algúns estudos cuestionan o impacto climático da reciclaxe do papel, non se pode ignorar o valor da xestión sostible dos recursos forestais e a redución da dependencia dos bosques naturais. En definitiva, a industria da celulosa enfróntase ao reto de equilibrar a produción coa protección do medio ambiente e a saúde pública. Ao mesmo tempo, é imperativo abordar os riscos para a saúde asociados aos procesos produtivos. Abordarei estes últimos a continuación.

Riscos para a saúde a curto e longo prazo

As plantas de celulosa en varios países revelaron que preto das instalacións prevalecen compostos coma os orgánicos clorados, as dioxinas policloradas e os furanos policlorados, xunto con partículas de cal respirables e sulfatos, o que suscita importantes preocupacións sobre os riscos para a saúde

As factorías de pasta e papel utilizan substancias químicas que poden ser perigosas tanto para os traballadores como para as comunidades próximas. Os compostos como as dioxinas e furanos, producidos no proceso de branqueamento con cloro, son persistentes no medio ambiente e poden ter efectos nocivos para a saúde da xente. No informe ambiental de ALTRI, de algo máis de 400 páxinas, recóllese que utilizarán coma materia prima a celulosa soluble a base do eucalipto. No procesado da madeira utilizarase ozono, hidróxido de sodio, peróxido de hidróxeno, ácido sulfúrido, cal viva, sulfato de sodio e de magnesio, carbonato de sodio e de calcio, óxido de calcio ou liberaranse partículas de aerosois PM10 ou PM2,5 entre outros compostos tóxicos non definidos.

A investigación internacional, coordinada pola Axencia Internacional para a Investigación do Cancro proporcionou datos valiosos sobre a exposición a substancias perigosas na industria. Aínda que os estudos epidemiolóxicos enfróntanse a moitas limitacións para establecer a causalidade directa entre a exposición e o desenvolvemento dunha enfermidade, a acumulación de evidencias subliña a necesidade dunha vixilancia rigorosa e unha normativa eficaz para protexer a saúde pública e o medio ambiente. É alentador constatar que, grazas a iniciativas regulamentarias implementadas nos últimos anos, houbo unha redución de produtos químicos perigosos e efluentes destas fábricas. Falamos do caso da exposición nas celulosas ao amianto, o que recibiu regulacións estritas e eliminouse do proceso industrial por demostrarse que era altamente canceríxeno.

As plantas de celulosa en varios países revelaron que preto das instalacións prevalecen compostos coma os orgánicos clorados, as dioxinas policloradas e os furanos policlorados, xunto con partículas de cal respirables e sulfatos, o que suscita importantes preocupacións sobre os riscos para a saúde. As partículas finas e outros vapores emitidos no proceso de produción, xunto con substancias como terpenos, metanol, etanol e diversos ácidos, presentan riscos potenciais moi graves. ALTRI recolle moitos deles no seu informe. Ademais, o uso de pesticidas para controlar sedimentos e algas engade outra capa de exposición potencialmente perigosa. Sabemos que o uso dos pesticidas ten unha asociación coa aparición de cancro ou enfermidades neurodexenerativas.

Os estudos sobre a exposición da industria do papel adoitan centrarse en compostos gasosos como o óxido de xofre e de cloro, que se sabe que teñen efectos perigosos sobre a saúde respiratoria e cardiovascular. Malia que os estudos que vinculan os contaminantes das fábricas de pasta de papel coa orixe de certas enfermidades non son concluíntes, algúns presentan achados inquietantes que abordarei a continuación.

Asociación co cancro, enfermidades cardiovasculares ou neurolóxicas.

Unha mirada atenta á mortalidade por cancro nesta industria revela unha narrativa preocupante sobre os riscos laborais. A investigación epidemiolóxica estableceu asociacións entre o traballo na industria do papel e varios tipos de cancro, incluíndo linfomas, cancro de vexiga e cancros dos órganos reprodutores, cancro de pulmón, páncreas e cerebro

A preocupación pola saúde dos traballadores da industria da pasta e do papel gañou protagonismo a través de múltiples estudos que examinan os efectos a longo prazo da exposición a substancias perigosas. Unha mirada atenta á mortalidade por cancro nesta industria revela unha narrativa preocupante sobre os riscos laborais. A investigación epidemiolóxica estableceu asociacións entre o traballo na industria do papel e varios tipos de cancro, incluíndo linfomas, cancro de vexiga e cancros dos órganos reprodutores, cancro de pulmón, páncreas e cerebro. Un estudo que abarcou a máis de 57.000 traballadores en 12 países revelou un aumento da mortalidade non só por cancro de pulmón senón tamén por outros tipos de cancro, coma o linfoma non-Hodgkin e a leucemia entre os expostos ao dióxido de xofre, outro contaminante que se producirá na macrocelulosa de ALTRI. Estudos adicionais tamén mostraron un risco elevado de cancro de pulmón asociado á exposición ao po industrial, aínda que conteña baixos niveis de sílice. Descubriuse que os traballadores das fábricas de papel en Polonia expostos por primeira vez antes dos 29 anos aumentan significativamente o risco de padecer cancro de pulmón despois de 10 anos de traballo. Para os expostos a partir de 50 anos, o risco foi notablemente maior, demostrando que a idade da primeira exposición inflúe no risco de desenvolver cancro de pulmón, sendo maior nos expostos a maiores.

Un estudo analizou o efecto dos contaminantes químicos contidos nas emisións das fábricas de papel en Novodvinsk, en Rusia, sobre a prevalencia de enfermidades respiratorias e cardiovasculares, e atoparon unha alta prevalencia de asma bronquial, hipertensión, enfermidades venosas enfermidades das vías respiratorias superiores. Tamén se investigou a alta incidencia de gliomas (un tipo de tumor cerebral) entre os traballadores da industria da pasta e do papel en Suecia, maila que coñécense poucos factores de risco de gliomas e as causas do aumento non son obvias. En Canada, o traballo a longo prazo nesta industria estivo asociado cun risco elevado de desenvolver cancro de próstata, de recto, estómago e leucemia en certos procesos da produción. En Noruega, demostrouse que as traballadoras nas celulosas tiñan un risco maior de sofrer cancro de ovario, subliñando a necesidade dunha investigación específica de xénero. Ademais, outra investigación neste país apunta a inflamación do tracto respiratorio en traballadores expostos a microorganismos cultivables, ampliando o espectro de riscos para a saúde. Por outra banda, en Suecia, observaron aumentos da mortalidade por enfermidade coronaria, diabetes e ictus isquémico, o que suxire que tamén se poden observar patróns laborais. Xa no territorio español, un estudo en Cataluña con algo máis de 3.000 traballadores da celulosa a finais dos anos 90, revelou un exceso de mortalidade por varios tipos de cancro. Non din atopado ningún estudo epidemiolóxico que avaliase o impacto na saúde dos pontevedreses da celulosa de Ence instalada en Lourizán, pode que ao mellor nunca se fixo. 

O impacto da macrocelulosa nas comunidades de veciños da contorna.

Quizais ALTRI decantouse por esta localización na “Galicia profunda” por consideralo un asentamento pouco problemático? Trabucouse ben, A Ulloa é unha terra de grande riqueza gandeira, turística e cun sector primario dinámico e modernizado que se vería afectado pola celulosa

Porén, o impacto das fábricas de celulosa transcende os límites das súas instalacións, afectando tamén ás comunidades que residen nas súas proximidades. A presenza de máis de 250 compostos clorados nos efluentes das fábricas de celulosa subliña a gravidade da situación. Os compostos orgánicos clorados, coñecidos pola súa maior toxicidade, capacidade de bioacumulación e potencial canceríxeno, representan un risco importante para a saúde humana e o medio ambiente. O informe de ALTRI recolle terreos da contorna de Antas de Ulla que serán expropiados, falamos de Palas de Rei, Monterroso, Melide, Agolada e Santiso. A axencia americana de protección ambiental (EPA) avoga pola xustiza ambiental, ao abordar a preocupación continua de que as comunidades minoritarias e/ou economicamente desfavorecidas con frecuencia poidan estar expostas de forma desproporcionada a contaminantes ambientais. Quizais ALTRI decantouse por esta localización na “Galicia profunda” por consideralo un asentamento pouco problemático? Trabucouse ben, A Ulloa é unha terra de grande riqueza gandeira, turística e cun sector primario dinámico e modernizado que se vería afectado pola celulosa. Se o proxecto de ALTRI segue adiante, estas poboacións estarán expostas a un espectro de produtos químicos con efectos a longo prazo potencialmente alarmantes e, por desgraza, non ben documentados. As investigacións realizadas en Canadá, Estados Unidos, ou Escandinavia exploraron os impactos sobre a saúde das persoas que viven na contorna destas fábricas. Os resultados destes estudos abranguen unha serie de problemas para a saúde, desde enfermidades respiratorias agudas e crónicas ata cancro, aumento da mortalidade, hospitalizacións dores de cabeza, náuseas ou irritacións dos ollos e da garganta. Demostrouse que as partículas no aire que rodean as fábricas de pasta de papel en Canada eran as responsables dos problemas respiratorios, especialmente nas crianzas. A EPA publicou unha serie de normas de emisións de contaminantes atmosféricos perigosos para mellorar a sustentabilidade ambiental na industria da pasta e do papel. Deberían implementarse prácticas como a captura de emisións de ventilación durante o procesamento da pasta, controlar as emisións do proceso de branqueamento mediante depuradoras, eliminar o uso de hidrocarburos aromáticos volátiles que contempla usar ALTRI, e substituílos por tratamentos biolóxicos ou sistemas de eliminación de vapores. O impacto no medio expándese fóra da localización da macrocelulosa, que non é pequena, e a presenza das choivas ácidas afectará aos cultivos que entran na cadea da alimentación. As hortas precisarán máis sulfatos que á larga afectan á saúde da xente por moitas vías, entre elas inducindo cambios na microbiota intestinal que poden ser a orixe de moitas outras enfermidades asociadas. 

As autoridades non poden ser permisivas e teñen que ter tolerancia cero á contaminación, é imperativo que os organismos reguladores tomen estas advertencias en serio e actúen en consecuencia con normativas máis estritas para protexer a saúde das comunidades afectadas e o impacto incomprensible ao medio

A creación de emprego da celulosa é unha vantaxe, porén, é fundamental que os futuros empregados estean informados sobre os posibles riscos laborais na súa saúde que aportan os estudos mencionados. Pero a realidade é que, unha das principais dificultades reside na falta de investigacións obxectivas, rigorosas e precisas que permitan medir o impacto na saúde da exposición aos contaminantes, o que limita a avaliación dos riscos aos que están sometidas estas comunidades preto das celulosas, e moito máis difícil é avaliar os seus efectos na saúde a longo prazo. Por todo isto, as autoridades non poden ser permisivas e teñen que ter tolerancia cero á contaminación, é imperativo que os organismos reguladores tomen estas advertencias en serio e actúen en consecuencia con normativas máis estritas para protexer a saúde das comunidades afectadas e o impacto incomprensible ao medio para garantir o futuro da nosa Galicia verde, saudable e fermosa, dende o corazón ata os mares. 

(Agradézolle á asociación veciñal, “Plataforma por unha Ulloa Viva”, que se interesou pola miña opinión sobre ALTRI, o que me motivou para investigar o tema e escribir este artigo).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.